ÚLTIMAS NOVIDADES

Aquí estamos de novo para contarvos as últimas novidades do ENDL. Ben, para comezar, contarémosvos como se desenvolveron as actividades do segundo e terceiro trimestre.

 

 

Xogos tradicionais na praia da Pampillosa

            O 6 de xuño amenceu con mellor cara que os días precedentes e ao final regalounos unha mañá perfecta para celebrar a xornada de xogos populares. Desta volta a actividade desenvolveuse con algunhas variantes en relación a anteriores edicións. Sen dúbida, a máis importante foi  contar coa presenza como convidados de trinta e un rapaces do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, aos que acompañaban dous dos seus profesores.

            Amigaron axiña focegos e monfortinos, en parte porque as camisolas conmemorativas unificaban en verde os participantes e en parte tamén porque os equipos, con nomes de peixes e mariscos, foron mixtos.

            Á fronte de cada xogo (carreira de pés xuntos, ra, tres en raia, espello, carreira de sacos, relevos, pano, birlos, petanca, tiro da corda) profesores do IES de Foz encargáronse de lembrar as regras de xogo, velar pola limpeza da competición e anotar a cada equipo a puntuación recibida. Entre os sucesivos tempos de xogo para ir percorrendo o circuíto, os rapaces pasaron polo túnel, que foi desenvolvendo diversas variantes, a cada cal máis divertida.

            Mentres se desenvolvían os xogos, nun aparte da praia íase facendo o xantar. Alí estiveron preparándoo todo persoal do concello e algúns profesores do noso centro, que moi xentilmente se prestaron a colaborar na elaboración da deliciosa churrascada da que logo demos boa conta entre todos.

            A xornada rematou coa entrega de premios aos equipos con maior puntuación e tamén ao grupo que se destacou polo seu xogo limpo.

            Foi unha actividade lúdica moi divertida e senón fixádevos nas imaxes.   

Etiquetas

            Sorprendéronvos con algún agasallo o 14 de febreiro? Noraboa se así foi. Se ademais no envoltorio aparecía unha etiqueta adhesiva cunha mensaxe de felicitación en galego, o máis probable é que a persoa que vos agasallou se dirixise a algún dos establecementos da vila para adquirir o regalo. O comercio focego colaborou co ENDL na distribución destas etiquetas que elaboramos con mensaxes de afecto e felicitación en galego. Os comerciantes confirmáronnos a dificultade que atopan para conseguir este tipo de material en galego no mercado e acolleron de bo grao a nosa iniciativa.

 

            Aquí podes ver as etiquetas.

 

Calendarios

          Tempo de traballo foi o que lle supuxo ao profesor de Educación Plástica e Visual Manolo Sánchez colaborar co ENDL na elaboración duns calendarios de mesa que inclúen refráns galegos relativos aos distintos meses do ano, fotografías do centro e actividades desenvolvidas no mesmo. Os calendarios distribuíronse entre alumnos e persoal docente e non docente do IES, ademais de distintos establecementos do comercio da vila. Agora non poderedes dicir que non sabedes en que día vivides!

Correlingua

O xoves, 8 de maio, celebrouse na nosa vila por segunda vez, o correlingua.

Ás 9:50 saímos  do IES de Foz todos os alumnos da ESO e dirixímonos  camiñando ata a praia de Llas. Ata alí achegáronse alumnos de diversas vilas da mariña: Ribadeo, Foz (Martínez Otero, Pilar, O Cantel), Burela, Viveiro, San Cibrao, Alfoz e Xove. Ese foi o punto de encontro de todos os centros participantes e alí comezou o percorrido que durou aproximadamente unha hora e transcorreu polo paseo marítimo que une as praias da Rapadoira e Llas

Cando chegamos ao porto puidemos ver o gran palco que alí estaba instalado e onde se realizaron as distintas actuacións e intervencións.

O acto foi presentado por dous profesores e as actuacións comezaron co grupo “Machucada”, coñecido grazas ás súas intervencións semanais no programa da TVG “Luar”. Os dous compoñentes do grupo, deleitáronnos con sketchs humorísticos alternados cunha mestura de música moderna e tradicional (machucada). Unha vez rematada a súa intervención, un grupo de alumnos do noso instituto leron o manifesto do correlingua e, finalmente, un grupo musical, elixido a través do Apologhit, comezou a súa actuación. A súa intervención foi realmente exitosa e mesmo ao final da súa actuación, tiveron que interpretar algunha canción máis a petición do público. Despois de finalizar as actuacións, todos os alumnos voltaron aos seus respectivos centros. Nós, despois de mollarnos un pouquiño xa que cando rematou o acto comezou a chover intensamente, volvemos para o centro dispostos a recibir a última clase do día.

 

Teatro

            O traballo desenvolvido ao longo do curso por un grupo de alumnos de 1º BACH coordinados pola profesora Enedina Palacios regalounos unha estupenda posta en escena dunha adaptación do texto de Castelao Os vellos non deben de namorarse. Os membros do ENDL colaboramos na confección do decorado, baixo a dirección artística do profesor de Educación Plástica e Visual Manuel Sánchez.

            A representación tivo lugar o día 16 de maio e o público presente quedou moi satisfeito polo espectáculo. Parece que esta actividade motivou os nosos alumnos para formar un pequeno grupo de teatro que empezará a funcionar no vindeiro curso. Esperemos que o verán non lles faga cambiar de opinión. Queredes coñecer os nosos actores e actrices?

 

Teatro Xandobela

            Para completar unha actividade organizada polo Departamento de Orientación, contactamos co grupo Xandobela de Santiago de Compostela. Tomando como referencia a problemática da violencia de xénero, este grupo puxo en escena unha adaptación da obra Xela, de Marilar Aleixandre. Tema duro onde os haxa, os tres compoñentes do grupo souberon darlle un enfoque lúdico e divertido tamén, pero sen esquecer transmitir a importancia do respecto da individualidade dignidade e liberdade da persoas, dos afectos,…O espectáculo foi tan divertido que mesmo as profesoras que asistimos ao mesmo esquecemos completamente facer fotos para podérvolas amosar. Outra vez será!

Charlas

            No conxunto das actividades que vén realizando o ENDL resulta novidoso contar coa colaboración de membros da MNL para impartir charlas sobre temas de interese para o noso alumnado. A primeira, no mes de febreiro, foi impartida por Ánxelo Gonçalves, quen disertou sobre o tema “Galiza e as relacións cos países de lingua portuguesa”. A segunda, no mes de abril, foi impartida polo presidente da MNL, Carlos Callón, e tratou o tema “O galego e a empresa. Unha empresa de todas e todos”. A experiencia resultou positiva, o que nos anima a volver a contar coa súa colaboración no futuro.

            Queredes ver as fotos? Premede aquí

 

Colaboración cos Sendeiros 

            Continuando co labor iniciado no curso pasado, a coordinadora do ENDL realizou a corrección e revisión dos textos sobre as rutas realizadas pola asociación Os Sendeiros durante todo o ano 2007. Todos os textos son recompilados nun libriño que recolle imaxes das distintas saídas. Se alguén está interesado nel pode contactar con nós, dirixirse á Concellaría de Cultura do Concello ou ben á propia asociación.

Hostalería 

            Co ánimo de facer ver como normal o uso do galego na hostalería, embarcámonos na aventura de galeguizar as cartas dos distintos establecementos da hostalería focega. A tarefa non se presenta doada e , aínda que xa empezamos co traballo, queda moito por facer. Agardamos que os hostaleiros que non se sumaron á proposta se animen ao ver que se trata dunha boa idea, e que así non tardedes moito en poder escoller o que queirades comer en galego.

Visita a Santiago

            Para rematar as actividades deste ano pareceunos unha idea interesante aproveitar a proposta que a coordinadora do Correlingua nos fixo chegar a todos os centros participantes. Tratábase dunha visita ás instalacións da RTVG. Para completar a xornada, non quixemos perder a posibilidade de ofrecerlles aos rapaces unha visita guiada ás cubertas da Catedral de Santiago. Para que vos animedes, aquí vos amosamos algunhas instantáneas da xornada.